Festas da Milagrosa 2019

Estes pasados 26 e 27 de novembro celebramos as festas da Milagrosa no colexio. O martes 26 tiveron lugar as carreiras de cada un dos cursos, nos que os nosos alumnos deron o mellor de sí mesmos arroupados por unha entregada aficción formada por nais pais e avós, ademáis do resto do alumnado. Tivemos sorte co tempo, xa que a predicción era de chuvia todo o día e só caeron unhas pequenas gotas que non importaron a ningún dos asistentes. Ao finalizar cada unha das carreiras entregábaselles aos participantes un pequeno aperitivo para repoñerse despois de tan grande esforzo.

Unha vez rematada a competición procedeuse á entrega de trofeos no novo patio do colexio. A sala estaba chea cos participantes e coas familias que puideron asistir a tan sinalado acontecemento. Os premios foron entregados aos tres primeiros clasificados tanto en categoría feminina coma masculina, onde en varios casos houbo que recorrer ao vídeo para comprobar que as posicións eran as correctas, e é que estas carreiras non están exentas de polémica!  Tamén tivo lugar o sorteo dun vale de 100 euros para unha tenda de Santiago, no que unha man inocente foi a encargada de repartir a sorte entre as familias que posuían as rifas e se animaron a colaborar para a realización do evento.

Cando terminou a entrega de trofeos os alumnos de 6º de primaria levaron a cabo o seu “mercadillo” tradicional no que recaudan cartos para a súa excursión ao final do curso. Levan os xoguetes cos que xa non xogan e os contos que xa non len para, por un precio módico, pasarllos aos máis pequenos facendo desta maneira unha labor de reciclaxe tan importante nestes días. Esta reunión comercial tivo unha grande acollida e foron numerosos os nais, pais, avós e avoas que se animaron a mercarlle un xoguete ou un conto aos máis pequenos da súa familia colaborando deste xeito coa excursión dos alumnos de 6º.

Xa pola tarde comezou a parte máis lúdica destas as nosas festas. O alumnado de infantil desfrutou da actuación do grupo de animación infantil “Las Pamisukis”, que fixeron as delicias dos máis novos con cancións, xogos e coreografías. Incluso tiveron unha visita inesperada, e é que veu a saudalos Chase, un dos integrantes máis queridos da famosa “Patrulla Canina”. Foi unha tarde na que desfrutaron moito xogando e bailando as súas canción favoritas.

Mentres esto tiña lugar, os alumnos de primaria foron todos ao patio novo para desfrutar da actuación dun mago, que disque era de Mazaricos. Houbo moitas risas e caras de sorpresa entre os nenos e tamén coa intervención dalgún dos profesores alí presentes. Unha vez finalizada os nenos e nenas xogaron o resto da tarde.

Ao remate das actividades lúdicas había que repoñer forzas na tradicional merenda no comedor do colexio que ofrece a asociación de nais e pais xunto coas familias que queren colaborar aportando algunha vianda para o desfrute de todo o que queira alí asistir.

 

DÍA 27 DE NOVEMBRO. DÍA DA MILAGROSA

O día 27 foi o día da Virxe Milagrosa, patroa do colexio, e fomos á igrexia de San Francisco, xa que na Catedral están con obras e non se podía dispoñer deste espazo. Celebrouse ás 12 do mediodía coincidindo coa misa do peregrino e asistiu toda a educación primaria do centro así coma os alumnos de infantil que quixeron ir xunto con algún dos seus familiares.

Foi o noso coro e rondalla os que puxeron a nota musical á cerimonia, deixando ben alto o pavillón do noso colexio coa súa excepcional actuación e demostrando aos asistentes o ben coordinados que están e o ben que o poden facer.

E este foi o colofón das nosas festas que esperamos que fosen do agrado de todos os que as desfrutaron. Antes de rematar con esta crónica queremos agradecer á directiva da ANPA a súa implicación nesta celebración, que fai posible que se desenvolva dunha maneira máis doada coa súa inestimable axuda. Grazas a eles e a todos os que colaboraron nunha nova edición das nosas festas, as festas do Colexio La Milagrosa!

Galería completa de imaxes